jueves, 11 de septiembre de 2014

Entrevista a Guerrera




Texto: ODP
Foto: David Tombilla



Houbo un tempo no cal os concertos e os discos ían xuntos da man. Se non tiñas un directo da ostia probablemente non che ía saír unha boa gravación de estudio porque non existía o Pro Tools, nin o Cubase nin ningunha ferramenta pra correxir os erros, daquela a única opción era levar os temas ultramaiados do local ao estudio pra repetir tomas o menos posible e aforrar cartos. Naquela época esta era a norma principal pero a finais dos 60 comezaron as sair traballos produto de sesións improvisadas ou en todo caso semipreparadas. Moitas bandas formáronse partindo de esta premisa definindo a súa proposta co paso do tempo. En Galicia, no ano 2014, hai un conxunto que recolle o mellor de esa tradición, chámanse Guerrera e misturan psicodelia, blues-rock pantanoso, improvisacións, ritmos afroamericanos, riffazos stoner, etc. Algo que xa se intuía no seu primer traballo Under the Gypsy Sun (2012) e que queda sobradamente demostrado no seu novo traballo de nome Mauna Loa. Falamos con eles:



REVISTA PORNO: De toda a vida sempre houbo un debate aberto entre a orixinalidade e o purismo estilistico. Persoalmente penso que unha cousa non ten por que estar pelexada ca outra sempre que se lle busque un certo sentido de cohesión, o exemplo máis claro que vexo son os White Denim (que me descubriu Iago de El Pueblo vía alguen de vos) que a pesar de ter un son clásico fan como unha mistura estilística moi rica en matices e o final sonan supercompactos. Pra que me entendades, un exemplo: se no medio dun ensaio a alguen se lle ocorre un riff tipo "Fugazi", restrinxides esa idea por ser entre comillas "moderna" ou en certa medida facédela evolucionar ata que se aproxime ao son que buscades??

GUERRERA: Esas dúas bandas das que fas referencia son un claro exemplo de que se pode mesturar sons máis antigos con outros máis novos. Sobre todo en Fugazi, onde podías atopar claras influencias de Neu! e doutras bandas kraut europeas dos 70s, que se fundían co punk e o hardcore político e combatido. O mellor é non restrinxirse a ningunha idea, e que vaia fluíndo todo da maneira máis natural posible.
 

RP: No voso primeiro traballo había como un son más homoxéneo e máis compacto, no sentido de que todos os temas seguían unha liña similar, sen embargo en Mauna Loa hay un horizonte aberto, saen a luz multitude de influencias de estilos distintos. Ata que punto os Fistin' Brothers (productores do disco) teñen que ver no son deste novo disco??

G: Sobre todo no son do disco, fan que medre a música, que dalgunha maneira está feita primariamente e eles aportan ese toque de calidade.


RP: Está claro, polo menos pra mín e pra moita xente do meu entorno que o voso forte é o directo. Compoñedes en función do que vaiades a tocar nos bolos ou pensades máis na propia gravación?

G: Non temos a sorte de poder ensaiar moito, e todo o que facemos é para o directo, onde nos sentimos cómodos. O perfecto sería facer o disco e tocalo por aí adiante o máximo posible, e gravalo cando estea ben compacto.


RP: Dende hai xa bastantes anos estase a producir o fenómeno do revival dos anos 60/70, bandas que sonan practicamente a calcos doutras bandas de esa época, que opinades o respeto?

G: Buf. Persoalmente poucas desas bandas me fan gracia. Mellor o caos sonoro e influencias de bandas desa época que dis, que non sexan os tópicos de sempre. Amon Düül II, Guru Guru, Soft Machine, Gang of four, Faust, Máquina!, Camarón...e así ata o infinito. Led Zeppelin e Black Sabbath molan pero...tanto revival de cousas tan machacadas, supoño que será temporal.


RP: Cibrán de Monstruo chivoume un par de preguntas das súas que me parecen moi interesantes: ¿ que pensades do noso propio folclore? O folclore moitas veces está máis próximo ó sentimento (pasa no blues). Á hora de compoñer as vosas cancións pensades máis no sentimento ou na forma?

G: O folklore da terra está bastante ligado ao voodoo africano pero dun xeito druida. Darlle oxtias a unha pandereta repetindo o ritmo ata entrar en trance e berrar e cantar por enriba, como facían as mais de antaño. Iso si que é jarcor, blues é actitude. O sentimento sempre por riba á hora de facer cousas deste tipo.


RP: Como levades o tema da dispersión, porque parece unha constante que os grupos se separen porque viven en cidades distintas ou traballan (Lendrone, Telephones Rouges...)?

G: A fin de contas isto é só unha excusa pra poder saír cos teus colegas a tocar por aí. Cando cousas coma o traballo ou necesidades de importancia se interpoñen, non queda outra que aceptar e intentar tomalo o mellor posible, respetando sempre as decisións dos teus compañeiros e axudando no que sexa posible.


RP: Tocades ou tocastedes algunha vez en directo algún tema que non este gravado ou editado?

G: O que está gravado nunca o tocamos igual, sempre hai algún cambio ou impro. Antes si tocabamos un tema que levaba harmónica, "Verdugo Rio de Blues".


RP: Tedes algún referente artístico (cineastas, escritores, cociñeiros, afiadores ...) non musical que vos haxa influído dalgunha forma?

G: Cada un de nós ten as súas influencias, supoño que coincidimos nestas: Joseph Conrad, Jack London; Jodorowsky, Tarkovsky; cociñeiras, nosas nais. E as persoas de aldea que teñen a súa horta e viven sen frenetismos.

 
RP: Que opinades da gran cantidade de grupos que están saíndo en Galicia nestes últimos anos? Algunha recomendación en concreto?

G: Están saindo cousas caralludas, podería facer unha lista sen fin, pero dígoche os colectivos: Metamovida, Discos Porno, Seara Records, Matapadre...


RP: A meirande parte destas bandas comparten modus operandi con vos, e dicir, a filosofía DIY, ou faino ti mesmo, en contraposición co tema das discográficas, distribuidoras, managers e promotores "grandes" ou da escena máis "mainstream", ¿que opinades de todo esto?

G: É a maneira mais natural de facer as cousas, a xente está con moitas ganas positivas de crear fóra do sístema. Pouco a pouco imos construíndo a nosa propia cultura e eso enriquece ao individuo e o fai forte ante a inxusta vida que nos ofrece este país mediocre.

 
RP: Actualmente compaxinades o grupo con outros proxectos?

G: Todos estamos metidos en cousas, traballos, estudos de gravación ou outras bandas e proxectos.


RP: Por último, tortilla con cebola ou sen cebola ?

G: A metade de cebola e a outra metade sen ela, unha tortilla ying yang.