viernes, 9 de mayo de 2014

Estrambote - Ídolos y héroes (2013)



Por Pachi López-Vázquez

Non creo que o que me guste deste disco sexan as cancións. Máis ben debe ser o sonido, que me fai sentir como na casa. Hai un montón de teclados que ocupan todo o espazo e para min funcionan un pouco como mantas, capas que te pos por riba para non ter que preocuparte demasiado de ningunha outra cousa. Non hai nada cortante, hai unha voz que canta con parsimonia, case con preguiza. Conta cousas sobre personaxes e situacións, que realmente non é tan habitual como parece e ten a súa complicación. Non é moi habitual que a xente se tome a calma de describir a alguén atendendo ós detalles como pasa aquí con "El rey del barrio de Teis" e a sensación é bonita. Por iso o sonido é cálido, porque ó final podes sentarte tranquilo e esperar a que che expliquen esas historias. As baterías danlle a tensión, porque noutro contexto podían ter o rollo Phil Spector do que falan eles no seu Bandcamp, e non hai por qué queixarse porque a música popular aínda está intentando superar os seus cinco mellores segundos, que son o principio de "Be my baby". Estrambote non son tan relevantes, e non sei exactamente o que tentan ser porque a sensación que me dá é de que as súas decisións son moito máis pensadas do que é habitual nos mellores grupos de por aquí, que ó mellor me enganan pero sempre me dá a sensación de que as cousas lles saen de dentro un pouco porque si. Tal vez por iso as cancións son menos importantes pero a experiencia de escoitalo ten algo de especial, porque te montas sobre uns cantos medios tempos que tampouco paran ata o final e ves cousas. E escoitas pandeiretas metidas no momento que deben estar metidas, e olvídaste bastante do resto dos instrumentos porque forman parte do que está mandando a sensación xeral. Non hai problema con iso. Non confundades a paciencia coa rutina. É de agradecer un pouco de calma entre tanta urxencia e cousas que van tan rápido, aínda que ó final poida ser inútil.

No hay comentarios:

Publicar un comentario