jueves, 22 de mayo de 2014

Ataque Escampe - Noites de agosto con Ataque Escampe (2012)



Por Luke Homo

A alma e o intestino están no mesmo sitio para os galegos, máis ou menos. Entón, as festas da parroquia, as verbenas, son un momento perfecto no que todo o dramatismo da vida pode aparecer. Xogar ás escopetas como metáfora de algo. Escoitar o playback da orquestra e que nos dea igual, como aquel chiste da señora á que lle preguntaban como lle gustaban os ovos e dicía "que peten" dándose uns golpes lascivos coa man no queixo. Cousas que peten, ideas que peten. Como mínimo Ataque Escampe son un grupo con imaxinario, ou con imaxinación. E nestas cancións hai moita xente tocando cousas e berrando frases moi elaboradas pero que teñen algo de cando estás bébedo vendo á Panorama e te ves a ti mesmo como un deses señores elegantes con monóculo dicindo cousas lúcidas. Oxalá estivera alguén grabando ese momento e así puidera dicirche se o que dicías era intelixente ou só eran palabras de borracho mal xuntadas. O verán pasado fun ás festas de Lanzós e uns amigos do meu primo ían pagando rondas de gintonics e chegou un punto en que me levaban tres de ventaxa pero non estaban máis borrachos. Pero eu non o sabía, tiña a confianza do borracho como para falar de política con militantes do PP, tiña esa seguridade aplastante que nalgún punto se convirte en savoir faire (cousas que só ten sentido dicir en francés) e creo que iso é o que está neste disco, na maneira de cantar e nalgunha outra cousa.

Unha maneira moi boa de queixarse de calquera música é dicir que non vale para bailar e cargarte toda a carreira de Brian Eno, pero ó final calquera cousa se pode bailar, incluso a música de ascensor. Sabíades que Brian Eno compuxo o ruido de inicio do Windows? Imaxinádesvos ó público das festas de San Pedro bailando iso? Falar de bailar en música que non pode bailarse é algo que non se sostén, pero creo que aquí o saben. Xuntar na mesma frase Baltimore e Bertamiráns pode parecerlles pedante a moitos, pero ó fin e ó cabo hai xente que fala de foder nunha frase e de Walter Benjamin na seguinte. É interesante poder perder o pudor e vivir tranquilo, a min gustaríame facelo e podo dicir que me encanta este disco sen que me dea vergoña porque é realmente bo. É tan bo que probablemente nunca serán capaces de reproducilo en directo, e iso alégrame. Dende aquí quero facer un chamamento a diferenciar dunha vez por todas os discos dos directos, e dígoo tanto para os músicos como para os que vos gusta escoitar. Poden ser artes distintas, como o cine e o teatro máis ou menos, e nós chamámoslle música a todo. Entón, sería mellor non ir ós concertos esperando que toquen as cousas como no disco. Ataque Escampe non o van facer, en parte porque non queren e en parte porque non poden, pero tampouco necesitan demostrar nada. Está ben ser o grupo máis sutil do mundo cando grabas no estudio de Tomás Ageitos, porque así podes tomalo con algunha calma, meter todos os instrumentos que se che ocorran pero sen sonar recargado, que apareza percusión por todos lados e ata conseguir cousas que son en parte un himno, en parte bailables e en parte cancións para reflexionar. E logo tocar en directo e ser como unha peña de señores con bigotes que cantan cancións despois de ter feito a paparota das súas vidas outra semana máis. De aí a ser un grupo de punk hai pouca diferencia, pero ó mellor é a que lles falta.

Entón, o bo de todo isto é que foron capaces de facer experimentos con ritmos latinos e esas cousas e non quedarse no postureo de dicilo nas letras, igual que poden falar de crooners ó mesmo tempo que se están comportando como eles, pero queda unha distancia irónica. Como cando te ris só porque sabes que estás facendo algo fora de contexto pero ninguén máis se dá conta. Como botar un peido moi forte nunha marquesina do Cal Pita ou do Vitrasa. Non sei que autobús queda mellor como referencia, este último é no que ían Siniestro a Samil, pero imaxino que a Ataque Escampe lles gustará máis facer referencias ó Castromil porque é algo moi galego iso de homenaxear ós grandes das nosas letras poñéndolle os seus nomes a uns autobuses, e eles están creando unha especie de mítica propia que está moi ben, porque podes convertir a empanada nun alimento fantástico para o intestino pero comela tamén como un exercicio de patriotismo rancio e para alimentar a túa alma. Unha ronda de Galicola para todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario