lunes, 27 de enero de 2014

PALESTRA POLÍTICA

por Pachi Vázquez
ilustración de Minux



Antes tiñas que ser rebelde para tocar rock and roll, porque se non eras quen de escandalizar a ninguén non ia haber adolescentes que pensaran que molabas e che utilizaran para proxectar a través da súa música as ganas que tiñan de dicirlle ós seus pais que non querían ser coma eles. Agora iso é un anuncio de Mentos, e Mick Jagger é un señor de setenta anos que se esforza en ser erótico e nos dá repelús porque o consegue. Iso é escandalizar? Probablemente, pero entón a cousa cambiou moito.

En Shine a Light, a peli que fixeron os Rolling con Scorsese, eles tocan no cumpreanos de Bill Clinton. Nos sesenta non se lles tería ocorrido ser tan colegas dun político (un ex-presidente ademais, que son os peores), pero aquí aparece Keith Richards e dille a Clinton "Alégrome de verte". Co cal, ou ben os Stones sempre estiveron no allo ou Clinton, aquel político que fumara porros pero sen tragar o fume, comparte con eles algunhas experiencias. Narcóticas, sexuais? Queremos que os nosos políticos dean sensación de perigo? Somos un pouco contraditorios, supoño. John Kerry tocaba o baixo, Juan Fernando López Aguilar a guitarra nos comités do PSOE e Baltar o trombón. Destes o último é o que máis ten que ver co rock and roll, e probablemente sexa pola sensación de perigo. Barack Obama, a única estrela de rock da actualidade, foi máis lonxe que Clinton e recoñeceu que tomara cocaína. É máis, que era o único que lle daba sentido á súa vida alienada aló polos oitenta. Obama, o home perfecto, non só se droga como Jim Morrison. Tamén apareceu na tele bailando unha canción de Beyoncé, cando só era senador (como Bárcenas daquela), co cal suxeriu como tantos outros artistas do espectáculo a súa potencia sexual (que esperar de alguén que se move así?). E ademais diso canta marabillosamente, como fixo cando un montón de cantantes de blues (tamén Mick Jagger) lle pasaron o micrófono mentras tocaban para el na Casa Branca.



En España hai un presidente aparentemente menos rock que Obama, pero Rajoy revélase pouco a pouco como o máximo representante da sociedade do espectáculo. A distancia entre a política e o espectáculo redúcese cada vez máis, igual que pasou coa distancia entre o rock and roll e o espectáculo. Entón non está moi claro se queremos dos políticos ese risco atractivo ou o aburrimento perpetuo. E as cousas mestúranse e Rajoy, desconcertado, ofrécenos entretemento permanente cando prometía todo o contrario. Nós queríamos ser como Obama, que suxire elegantemente a súa superioridade racial en canto a talento político, artístico, mental e erótico, pero Rajoy ten o encanto castizo do non acertar nunca pero seguir pretendendo que si. É unha definición de España pero tamén do punk, que fixo do erro a súa razón de ser porque había que rebelarse contra as cousas ben feitas do rock e da política progresivos.

Queiramos políticos ou queiramos estrelas, debemos manter a potencia sexual de Rajoy en segredo porque desvelala remataría co misterio que necesitamos

Entón, poñamos unha ristra de nomes

Conde Roa Keith Richards Bárcenas Johnny Cash Sid Vicious Feijóo Beiras Johnny Rotten Marvin Gaye Fabio McNamara Rubalcaba

E unha lista de palabras clave

Droga Peineta Corbata na cabeza Guitarra Berrar Incapacidade Ridiculización Mafia Asasinato Liberdade Sexo en grupo Ajax Pino Federalismo



E escoitemos como algúns demócratas defenden que o que lle gustaría a certa xente é volver ó tempo no que as cousas se decidían a ostias na porta dun bar ata que algún dos dous sangrara ou morrera. Os motivos para pegarse eran os de sempre do rock e da política: os mods pegan ós rockers porque non son mods, como en todo movemento xuvenil que é fascista porque toda a rebeldía pasa por negar ós demais o dereito a existir. Entón a democracia defende que un ten que respetar as normas ante todo. Pero os mellores gañadores e perdedores de eleccións, esas grandes estrelas, son grandes rebeldes totalitarios e megalómanos que ou ben saltan as normas ou ben as cambian como lles convén. E, igual que nos pasaba con Obama e o seu enorme atractivo, queremos facer o mesmo pero somos demasiado demócratas. A democracia son os pais, e ós pais podemos terlles moito cariño pero o seu é non ser coma eles. O anuncio de Mentos podería ser o principio da revolución, quen sabe. O talento político de Beiras non vén tanto da súa intelixencia e brillantez senon de que a pon ó servizo de tocarlle as pelotas ás normas democráticas ata o punto de saltalas sistemáticamente dentro do seu propio partido que promete a democracia máis extrema. Pero con líderes como Beiras quen quere democracia? A democracia tróuxonos onde estamos, a democracia acabou co rock and roll e hoxe o único que temos é un entretemento permanente tan marabilloso e perfecto que nunca sairemos á rúa salvo que o entretemento estea aí e as manifestacións son de todo menos divertidas. Cando enfrontaremos os poderes sexuais de Beiras e Baltar? Que papel xoga Carme Chacón en todo isto? Tardamos anos en descubrilo, pero o que queremos é sexo, drogas, perigo, baile e rock and roll: votamos ó PP por cobardía para que o fagan por nós e a Eduardo Madina fáltalle unha perna co cal vai ser unha opción minoritaria en calquera deses aspectos.


domingo, 12 de enero de 2014

“Estou Realmente Asustada Cando Mato Nos Meus Soños”

por Kim Gordon
ilustracións de Lúa Picnik




Na primavera de 1981 o grupo de rock Public Image Ltd. (PiL) tocou no Ritz en Nova York. A pantalla de video tamaño cine daquel club, que funcionaba como unha barreira e se usaba para crear ou motivar a reacción da audiencia, foi o centro da actuación. Os tres membros de PiL eran proxectados na pantalla, como sombras (eran iluminados por detrás para as cámaras de video) e como imaxes de video. Unha imaxe xigante da cara de John Lydon, rindo, apareceu, máis grande que o Mago de Oz. Comezou a cantar, e entón a imaxe en directo cambiouse por unha cinta pregravada dun demente video comercial de rock. Furiosa diante das fantasmagóricas, ritualísticas siluetas do grupo detrás da pantalla – en lugar de, como habitualmente, directamente enfronte deles – a audiencia interrompía constantemente a música. Bombardearon a pantalla con botellas ata botala abaixo. O grupo non pretendía causar un disturbio; nas súas palabras, estaban probando algo novo. Non querían continuar mecánicamente co rol aprendido de entertainer rock. Como Keith Levene de PiL recalcou nunha entrevista na revista ZigZag en agosto de 1981, “Eres máis honesto poñendo un video ou enviando un video a facer trinta datas en lugar de mandar unha banda por aí a facelo... Estás de pé alí dicindo 'despois de que mercarades o noso álbum por tantas libras e escoitarades o xeniais que somos podedes sentar diante de nós e ver o xeniais que somos...'” Dende aquela PiL volveu á actuación rock convencional.



É case necesario para unha banda de rock traballadora no circuito de clubes ter un axente de contratación e/ou manager. Se o propietario dun club trata directamente coa banda, e non cun compañeiro de negocios, ofrecerá menos diñeiro. Os grandes clubes de rock en Manhattan teñen todos basicamente a mesma política para tratar coas bandas. Algúns destes son verdadeiros escaparates pero outros son só fachada. Fanse envíos de propaganda para veladas especiais; estas noites non son realmente especiais, pero si dan a impresión de ser patios de recreo para o mundo artístico, atraendo así ó mundo non-artístico a un evento supostamente chic polo que pagarán. (Como en pasados movementos da vangarda, estes clubes aprópianse da “lei da asemblea” no sentido de que o “mundo real” e o “mundo da arte” se separan en capas.) Co obxectivo d manter unha aura de elite os clubes tamén ofrecen o seu espazo para festas de “noites de arte” ou festas de cine e video ás que só se entra por invitación. Renovándose constantemente, abrindo novas pistas e redecorando, cada clube pelexa pola posición de “clube de arte favorito”, como unha alternativa aínda máis nova ós espazos alternativos do mundo artístico. Semella ser o que o mundo artístico quere. E na outra cara, as noites de video/música nos “espazos alternativos” oficiais están deseñadas para replicar a atmosfera lounge dos clubes, con monitores e coxíns esparcidos informalmente a través das habitacións. Así a relación simbiótica converteuse case nunha fórmula para unha certa clase de éxito nos mundos da arte e dos clubes.

A atmosfera de club fai tan pouco pola arte que está innovando como polas bandas, e tende a subordinar a arte ó propio sitio. Mesmo unha visión tan personal como a de Jim Fouratt, cando se ocupou da contratación noutro club de Nova York, Danceteria, pode rapidamente tornar nunha embalaxe explotadora. O apoio que deu ás bandas americanas (cunha concentración en bandas locais, de Nova York), en lugar de seguir a política máis segura de contratar bandas inglesas en xira, verdadeiramente creou unha situación alternativa nos clubes por un curto tempo. A súa noción da arte nos clubes – exemplificada por esta actitude cara a música – non tratou simplemente a arte como decoración de interiores, senon que lle permitiu manter unha certa integridade. A principal atracción nos clubes estilo lounge é unha sorte de voyeurismo sexual estilo rañaceos formado pro proxeccións, en diferentes pistas, de diferentes eras e “estilos de vida” estilizados.



Así como na escena de clubes do pasado había o que se chamaba “Fuck Rooms”, agora a atmosfera neles é normalmente deseñada para ser máis ben de sublimación, ata o punto dunha esterilidade que se converteu nunha clase de erotismo non sexual. A noción de resistencia – a retención do contacto entre a xente – é unha situación común nos clubes actuais. A súa atmosfera deseña a distancia – da arte, da música, das outras persoas, e dun mesmo. Os monitores de video son aparatos de deseño estándar; as imaxes están alí para soster ós clientes, mentras as relacións comerciais se mesturan con fantasías – sexuais, laborais ou dalgún outro tipo. A atmosfera lounge fai que a clientela se sinta como na casa ou como na casa de alguén rico, creando unha confortable extravagancia típica dos clubes privados pequenos e exclusivos. As imaxes amosadas nos videos pasan máis ou menos desapercibidas, e funcionan máis ben como as televisións que se deixan acesas. No seu discurso sobre a desaparición do tráxico, causada pola desaparición do suxeito na arte e a súa subsecuente reaparición, Manfredo Tafuri declara, “A experiencia do “tráxico” [neste século] é a experiencia da metrópole...” “A 'intensificación da estimulación nerviosa' inducida pola rápida acumulación de imaxes cambiantes, a penetrante discontinuidade na comprensión dunha simple mirada, e a imprevisibilidade das impresións precipitadas" foron interpretadas por [Georg] Simmel como as novas condicións que xeneran a actitude hastiada do individuo da metrópole...” (de Architecture and Utopia: Design and Capitalist Development, 1976). A diferencia dun estilo decadente en plan “Gran Gatsby”, esta xente pagan todos entre 5 e 10 dólares polo seu placer e entretemento sexual. A maioría das bandas contratadas tocan rock bailable e accesible.

Cando estás realmente no escenario logo de lidiar coa “merda do rock'n'roll” e darte de conta de como o sistema de son da discoteca está moito máis alto que o que ti estás usando para tocar, rezas para que os teus instrumentos non se rompan e comezas a tocar. Esquéceste de calquera outra cousa no mundo. Esqueces canto cobras e que non estás realmente tocando para rapaces novos entusiasmados, senon para aburridos xóvenes adultos - e vólvese un reto tentar movelos, reventar os seus cerebros, poñer algo cortante na atmosfera usando o que é agora unha ferramenta social tecnolóxicamente primitiva, a guitarra eléctrica.



O clube é o mediador ou marco a través do cal a música é comunicada. A banda literalmente enchúfase na tecnoloxía do club para magnificar o son, transformando unha posibilidade nalgo auténtico, facendo o que os propios músicos escoitan accesible a unha audiencia. A xente paga para ver a outros crer en si mesmos. Tal vez a xente non sabe se eles poden experimentar o erótico ou se só existe nos anuncios; pero no escenario, no medio do rock'n'roll, moitas cousas suceden e calquera cousa pode suceder, tanto se a xente ven de voyeur ou ven para entregarse ó momento. Como un intérprete sacrifícaste a ti mesmo, atravesas os movementos e as emocións da sexualidade para toda a xente que paga para velo, para crer que existe. Canto mellor e máis convincente sexa a interpretación, máis poderá a audience identificarse co aspecto envolto en tal gasto de enerxía. Os intérpretes parecen estar rendéndose á audiencia, pero no proceso conseguen o control das súas emocións. Comezan a dominar a situación a través da admiración inspirada pola súa total rendición a eles. Alguén que traballa duro no seu traballo non vai converterse nun “heroe”, pero pode gañar os cartos suficientes para poder permitirse ser liberado temporalmente a través do entretemento. A un intérprete, porén, como o heroe, pagaranlle para ser sexualmente incontrolado, pero pero seguirá estando á mercede dos clubes e da maneira na que os medios dan forma á identidade. Canto tempo pode un continuar exercendo intensidade antes de volverse amaneirado e deshonesto?



A noción de fundir a vangarda e a cultura popular (a tecnoloxía multimedia) nun artista atópase na súa forma máis exitosa nas recentes actuacións de Laurie Anderson. A posición que Anderson representa, como alguén que trascendeu o illamento do mundo da arte, implica unha clase de heroismo diferente a aquel da personaxe do rock'n'roll, que representa, aínda que sexa miticamente, un sentido de sexualidade real, de vida ou morte reais. A aparencia andróxina de Anderson e a súa voz mecánica crean unha impresión de perfección organizada, expresando o ideal como non sexual. Ela creou a súa propia atmosfera de dominación e simulación duha tecnoloxía que é normalmente mistificadora. En calquera sitio no que actúe, consegue o que os clubes non poden; manipula á audiencia a través do non visto, creando momentos que cambian e se moven sen esforzo. Como nas presentacións multimedia de organizacións relixiosas e negocios corporativos, a seducción de Anderson suxire, “Senta e reláxate, non penses, déixanos facelo por ti, déixanos ensinarche como.” Ela está a identificarse cunha orde máis alta de poder tecnolóxico. A tecnoloxía que crea as conveniencias para un certo tipo de “supervivencia” (e coas aparencias da vida – erotismo, placer) dentro do sistema de comodidades está dispoñible para científicos, publicidade corporativa e outros medios comerciais, pero non para artistas. Nun esforzo para alcanzar o mesmo grao de autoridade que aquel conseguido a través dunha seducción tecnolóxica, o intento orixinal da arte/artista é intercambiado polos obxectivos dos “outros”, isto é, pola apropiación da xente.




Elvis Presley, Eddie Cochran, Jimi Hendrix, Janis Joplin, Jim Morrison, Sid Vicious, Darby Crash e Ian Curtis morreron todos polo noso sentido de “heroismo” oposto ás representacións conceptuais que fai Anderson do neo-heroismo. Usando os seus egos para dar forma á música – nalgúns casos crendo na imaxe que deles crearon os medios e noutros formándoa eles mesmos, creran nela ou non – usaron esa imaxe para destruír, dentro do seu propio sistema, o estándar do que sucedera antes, dando pé a novas formas. A audiencia pagou para velos facer isto, e tamén para presenciar a destrución das propias vidas dos artistas – a liberdade ilusoria converténdose nunha verdadeira liberdade...

domingo, 5 de enero de 2014

BUGA

Pulsa na imaxe e faina máis grande para apreciar o traballo de Ari, que é licenciada en coches.


Dixéronme que deseñara con Ari un coche para a revista PORNO (Ola Ari). O caso é que non remataba de convencerme a idea de deseñalo porque me parecía que o resultado ia ser unha merda, (non por Ari, claro) así que non me comprometín a nada e deixeino pasar. Co paso do tempo, deume por pensar o motivo polo cal un home tan vinculado ao mundo automovilístico de PORNO coma min, non se decidira a levar a cabo un tan apaixoante proxecto, e decateime de algo. A causa de que eu non me comprometera foi que non vía o resultado, non quería velo, non me gustaba, apartaba da miña cabeza a imaxe desa páxina do primeiro número da revista PORNO, asqueado só de pensalo, e descubrín por qué: Eu non quería ver ese coche, quería imaxinalo, non quería que a xente o vira, quería que a xente o imaxinara. Así pois, pouco antes da data límite de admisión de aportacións de contidos para a revista (ou incluso despóis de dita data, pero pode que mañá soborne a un tipo) púxenme a escribir este artigo. Así que, “putos porreros de mierda” (que ninguén se ofenda, pode que alguén o entenda) preparade o voso maxín para escoitar o son dos motores deste apaixoante automovil (se sodes apaixoados, se non, pasade páxina) e deixade voar ás vosas imaxes sobre estas palabras:

As llantas (ou tapacubos) serían vinilos, un distinto en cada roda, con brazo e agulla e todo, que soarían, como é lóxico, ao ritmo da carretera. Os faros serían as válvulas incandescentes a piques de estoupar, e o son sairía polo tubo de escape, como é habitual. O capó, diante do parabrisas, sería unha plataforma adaptable para soportar a calquera banda de música, con tódolos seus instrumentos e equipamento de directos. Así, en vez de ver a carretera, veríades o ceo (ou o inferno (ou o termo medio típico dos grupos que cando ves en directo dis “ni me va, ni me viene”, (polo que probablemente acabarías por mirar a carretera)))

O maleteiro sería unha xaula de cans, e o asento traseiro sería un acuario de cen litros con peixes Betta machos, que irían saindo por trampillas, a dos azuis situada do lado dereito e a dos vermellos do esquerdo, e formando un fermoso e colorido fondo de acuario. Nalgún lugar habería un display LCD de duas liñas retroiluminado que iría visualizando un marcador. Da apertura das trampillas e da actualización do marcador encargaríase un mono de Marrakech, para evitar un autómata.


Na guantera, a documentación; un feixe de billetes de 500 al portador, para facer feliz ó atractivo axente de tráfico de turno, que seria nomeado membro de honor de PORNO, e sairía a sua foto no desplegable da páxina central do seguinte número da revista, limpando o cú cos cartos. Unha serie de fenómenos sobrenaturais bíblicos serían proxectados en 3D e explicados detalladamente polo cura da parroquia (quen por algunha extraña razón, tamén limparía o cú), nunhas gafas que caerían do teito coma as mascarillas de oxíxeno nos avións, para a salvación das almas. O airbag sería unha bolsa de palomitas de millo, toda unha sorpresa, ¡e que ben cheiran! O asento do copiloto sería, en caso feminino, un dispositivo masturbador como o que fabrica George Clooney en "Quemar despues de leer", e en caso masculino como o que lle fai a palla a Robert Duvall en "THX 1138". Unha liña de Fax personalizáda faríanos chegar un documento coa programación de concertos e actividades culturais previstas e a ruta máis adecuada para chegar a eles, máis ou menos turistica en función do tempo dispoñible (no caso de elexir un evento moi distante temporalmente, perderíamonos polo mundo adiante antes de chegar (ou non (ou si (eu penso que si)))). Nalgún punto do interior do vehículo habería un casete de video formato Betacam SP dos grandes a modo de decoración, colgado do retrovisor, ou en calquer outro sitio. Non sei por que, pero estaría ahí.




Letras de Toni Colombo
Dibuxos de Ari
Capturas de películas